Thursday 16 de May de 2024

Arrancou en Ordes o Plan Integral de Cualificación e Emprego


As clases teñen lugar na Casa da Cultura e nelas participan máis dunha vintena de persoas menores de 30 anos en situación de desemprego

Máis de 20 persoas participaron nunha nova iniciativa gratuíta en prol do emprego, desenvolvida pola Cámara de Comercio da Coruña en colaboración co Concello de Ordes.
Este Plan Integral de Cualificación e Emprego (PICE) está dirixido a mozos e mozas de ata 30 anos inscritos no Ficheiro Nacional de Garantía Xuvenil, e que se atopan en situación de desemprego. A día de hoxe xa comezou a impartirse na Casa da Cultura a formación troncal, a cal consta dun total de 65 horas. Esta está deseñada para dar resposta ás necesidades en materia de busca de emprego co fin de aumentar as oportunidades laborais preparando o alumnado para superar con éxito as entrevistas de traballo e procesos de selección.

Os contidos desta primeira fase troncal inclúen sesións sobre habilidades sociais (20 horas), habilidades para a empregabilidade (20 horas), habilidades sociais (12 horas), e Internet e busca de emprego (13 horas).

Os obxectivos máis inmediatos pasan por facilitar o desenvolvemento en habilidades, coñecementos e recursos válidos para achegarse ás empresas e desenvolverse adecuadamente nos postos de traballo. Tamén para cumprir os obxectivos na busca de emprego, o autocoñecemento persoal, adoptar maior seguridade, adquirir ferramentas e estratexias para a consecución dun emprego, utilización de redes sociais etc.

Posteriormente, do 29 de maio ao 18 de xuño, desenvolverase o curso específico sobre persoal de pequeno comercio (60 horas), mentres que do 28 de maio ao 26 de xuño impartirase o de persoal para pequenos locais de hostalaría e turismo (120 horas). Dende o Concello non se descarta a posibilidade de programar outras especialidades como as de carretilleiro ou cociñeiro.

O dito programa está suxeito á subvención de Garantía Xuvenil (Fondo Social Europeo, Ministerio de Emprego e Seguridade Social).